Jorge Suárez será o presidente e José Castro, o vicepresidente da directiva durante a fase constituínte
Seitura 22 é o nome do grupo de desenvolvemento local
(GDR) que xestionará os fondos do programa Leader 2014-2020 nas
comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal. A nova entidade xorde da fusión
das asociacións Costa Noroeste e Euroeume, cuxos representantes se
reuniron onte en Fimo para celebrar a asemblea constituínte. A
redistribución do territorio establecida pola Axencia Galega de
Desenvolvemento Rural (Agader) incorpora Miño ao GDR 24, que estará
composto por 22 concellos. As diferenzas entre Costa Noroeste, que
integrou no seu día a Ferrolterra e Ortegal, e Euroeume (á que tamén
pertence Vilarmaior) evidenciáronse ao redor da denominación do grupo.
Euroeume avogaba por Asociación de Ferrolterra, Eume e Ortegal, pero
impúxose a proposta de Costa Noroeste, Seitura 22, sen votación. A data
da convocatoria xa xerara malestar entre os concellos de Euroeume, posto
que a maior parte non acordaron aínda adherirse como socios fundadores
da entidade e están pendentes de celebrar pleno esta semana ou a que
vén. Pero os prazos para inscribirse no rexistro de asociacións apreman,
segundo esgrimiron desde Costa Noroeste.
Ningún comentario:
Publicar un comentario