martes, 18 de febreiro de 2020

Presentouse nas Pontes o programa de mellora de explotacións.


O pasado Martes 11 de Febreiro presentouse no Centro de Dinamización Empresarial de Seara sito no Polígono Empresarial de Penapurreira en As Pontes o programa de “Mellora da eficiencia das explotacións agrogandeiras”.

Durante a xornada presentáronse os obxectivos de Seitura 22 como Asociación de Desenvolvemento en relación co sector primario, que levaron a poñer en marcha este programa.

Deuse a coñecer á empresa que vai prestar a asistencia técnica; Xestión Agrogandeira e Natureza S.L., que ademais de recordar os obxectivos e beneficios a acadar con dito programa, repasou a implicación e compromisos necesarios para poder participar no proxecto.

Ao finalizar a sesión unha quincena de explotacións confirmou a súa participación no proxecto.


luns, 3 de febreiro de 2020

Seitura promove un programa de mellora das explotacións do territorio.


A Estratexia de Desenvolvemento Rural presentada por Seitura 22 para a xestión do Eixo Leader 14-20 recollía no seu diagnóstico varias ameazas relacionadas coa viabilidade das explotacións agropecuarias. Así, estableceuse como obxectivo específico da súa Estratexia de Desenvolvemento "A mellora da eficiencia na xestión das explotacións agrarias".
E por isto que como continuidade do proceso de animación posto en marcha desenvolverase este proxecto, que partindo da coordinación das explotacións agrogandeiras, promoverá a mellora da eficiencia na xestión dos recursos por parte das explotacións do territorio.
Para iso poñerase en marcha unha acción colaborativa para a mellora de dita eficiencia en base á xestión económico-técnica das explotacións do ámbito territorial da asociación seitura 22.

O programa iniciarase cunha xornada formativa o vindeiro Martes día 11 ás 12:00h no Centro de Dinamización Empresarial de Seara sito no Polígono Empresarial de Penapurreira en As Pontes.