mércores, 16 de maio de 2018

O programa Los Fogones Tradicionales do Canal Cocina en Ortigueira

Da man da agrupación "Ortigueira Entre Fogones".

Os pasados venres e sábado 11 e 12, grabouse en Ortigueira o programa Los Fogones Tradicionales do Canal Cocina, dirixido por Eugenio Monesma Moliner; en colaboración coa agrupación "Ortigueira Entre Fogones", que se reúnen unha vez ó mes para “recuperar” recetas tradicionais da zona de Ortigueira e comarca. O programa grabouse no Pazo de A Torre de Couzadoiro en Ortigueira, e emitirase na próxima tempada. 





luns, 14 de maio de 2018

Encontro participativo para a elaboración da Estratexia de Infraestrutura Verde de Galicia. SAN SADURNIÑO, 15 de maio ás 18h


Dentro do PROCESO DE PARTICIPACIÓN PÚBLICA para a elaboración da ESTRATEXIA DE INFRAESTRUTURA VERDE DE GALICIA, o martes 15 de maio ás 18:00h na Casa da Cultura de San Sadurniño (Avda. Marqués de Figueroa, 13, SAN SADURNIÑO)tera lugar o encontro de participación cidadá para as comarcas de Ferrol-Eume-Ortegal.
Este encontro está aberto á participación de veciñanza, organizacións e entidades do territorio dentro das comarcas de Ferrol-Eume-Ortegal: Ares, Cabanas, A Capela, Cariño, Cedeira, Cerdido, Fene, Ferrol, Mañón, Miño, Moeche, Monfero, Mugardos, Narón, Neda, Ortigueira, Pontedeume, As Pontes de García Rodríguez, San Sadurniño, As Somozas, Valdoviño e Vilarmaior. O encontro estará dividido en dúas partes. Na primeira parte, realizarase unha breve presentación dos obxectivos da Estratexia da Infraestrutura Verde de Galicia; e na segunda parte, levarase a cabo un obradoiro no que as persoas e entidades asistentes compartirán as súas ideas e opinións sobre o modelo territorial que lles gustaría que se fomentase, en asuntos como: usos do solo, biodiversidade e ecosistemas naturais na comarca, infraestruturas terrestres e hidráulicas, mobilidade e oportunidades económicas respetuosas co medioambiente.